Mandeu, Sarra, Cacabelos, Gimerás e Loureiros, Ribalta e Abelares; as seis monterías
betanceiras que tornan douradas no Outono, xa valeiradas de froito por mor da vendimia.
Acios ben pisados na tinalla e estrullados na prensa de fuso, enchen ó tope toneis e
bocois, e mesmo deixan, aínda, a "maja" ou bagazo cuberto de areas, tamén douradas, da
Ría, para aillalo dos ventos mareiros e outros que perxudican unha boa cocida na pota,
derradeiro labor para califica-la boa colleita.
Feita a cama con palla e vidras, escollidas polo patrón, péchase a pota co capacete
xunguido ó serpentín, a dá comezo a liturxia do mago poteiro sempre presente ó goteo,
vixiado mesmo có lume, vaso en man tralo rosario e a cata de seguido, ulindo unha e
outra vez mentras predica o grado obtido, subindo e baixando lume, deixándoo morrer
ou atizándoo sen acougo, ata acada-los 50º da xa boa caña ou augardente de Betanzos.
É ben coñecido que nas bisbarras onde a uva endexamais madura enteiramente, de viños
"enverados", de pouca graduación e moita acidez, danse as condicións ideas para face-la
millor augardente do mundo, como na de Betanzos.
Noutras horas, á mañá daba forzas para comenza-la xornada... Anceiábase
"Que suba o pan
e baixe a caña"... Alguén facia metades con Xerez... Outros o
"chiringuito" á
brigantina, mesturándolle café Moka... Sempre augardente de Betanzos, suxerente e soñadora,
de xenerosas fantasías no deleitoso encontro da natureza co bo facer do home.
Sen dúbida algunha, un bo agasallo, diría o Arcediano de Nendos.