• Algunhas novas no Mesón da Ponte

    Publicado en el Programa Oficial de Fiestas de Ponte de Porco el 25/07/1997

    Algunhas novas no Mesón da PonteÓ pasa-la Ponte do Porco, abríase unha encrucillada de camiños reais en dúas direccións. De segui-lo da esquerda, o camiño levaríanos ás portas de San Pantaleón das Viñas ata Betanzos, o mesmo da ruta xacobea mediebal. O da dereita á lancha do Pedrido, para pasa-la Ría de Betanzos sen mollar os pés, a través de Insua (Insula), onde no primeiro tramo abría as súas portas o famoso Mesón da Ponte

    Non pensen que foi un mesón calquera: cando menos presumiu de servir manxares e netos ó segundo e sexto presidentes dos Estados Unidos, John Adams e seu fillo John Quincy Adams, o 15 de nadal de 1779, entre outras personaxes.

    No segundo tercio do século XIX, era propiedade de Don José María Bermúdez de Castro y Pardo, herdado ó tempo do Pazo de Montecelo, quen o 6 de marzo de 1837 «arrendó el Mesón del Pte a Juan Antonio García en 480 reales anuales».

    O 4 de xaneiro de 1843 «se hizo cargo de las llaves del Mesón del Pte», e o día de San Xosé «buelbe la mesonera al Mesón desde 1º de Abril en 500 reales anuales, haciendo de su cuenta los reparos que espresa de retejo y pesebres».

    En realidade, o Mesón era un complexo que tiña alpendre, almacén, peirao, pesqueira, horta pechada e habitacións de aluguer no sobrado. Un conxunto que chamou a atención ó ilustre pintor e debuxante ferrolán Jenaro Pérez Villaamil, un 7 de agosto de 1849, e que motivou o apunte «El Alpendre», con carreteiros da alta montaña en descanso mesmo que seus animais, e o mastro sostendo a vela da Dorna do Señor de Montecelo, entre árbores. Un debuxo maxistral, perfilado no romanticismo costumista, onde destaca a soltura dos trazos, nunha esaxeración da realidade para monumentalizalo sinxelo, sin esquece-la omnipresente elegancia e pulcritude, característica xeral toda a súa obra, que lle valeu a consideración de mellor debuxante do seu tempo.

    A historia do Mesón pasou por outros alugamentos, coma a xestión que, o 4 de xuño de 1869, facía «Caramés el Capitan de Carabineros, le habló acerca de lo que se pedía en arriendo por el mesón del puente, pues lo necesitaba su hermano, que está en Madrid, para pasar la temporada y tomar baños».

    A Ponte do Porco, remanso de paz, historia, arte e baños.

     

    Datos do Arquivo Histórico da Excma. Deputación Provincial da Coruña, legaxo 442, libro 3º