• A augardente de Betanzos

    Publicado en D.O. Augardente de Galicia (edición Sargadelos) el 05/10/1994

    Mandeu, Sarra, Cacabelos, Gimerás e Loureiros, Ribalta e Abelares; as seis monterías betanceiras que tornan douradas no Outono, xa valeiradas de froito por mor da vendimia. Acios ben pisados na tinalla e estrullados na prensa de fuso, enchen ó tope toneis e bocois, e mesmo deixan, aínda, a «maja» ou bagazo cuberto de areas, tamén douradas, da Ría, para aillalo dos ventos mareiros e outros que perxudican unha boa cocida na pota, derradeiro labor para califica-la boa colleita.

    Feita a cama con palla e vidras, escollidas polo patrón, péchase a pota co capacete xunguido ó serpentín, a dá comezo a liturxia do mago poteiro sempre presente ó goteo, vixiado mesmo có lume, vaso en man tralo rosario e a cata de seguido, ulindo unha e outra vez mentras predica o grado obtido, subindo e baixando lume, deixándoo morrer ou atizándoo sen acougo, ata acada-los 50º da xa boa caña ou augardente de Betanzos.

    É ben coñecido que nas bisbarras onde a uva endexamais madura enteiramente, de viños «enverados», de pouca graduación e moita acidez, danse as condicións ideas para face-la millor augardente do mundo, como na de Betanzos.

    Noutras horas, á mañá daba forzas para comenza-la xornada… Anceiábase «Que suba o pan e baixe a caña»… Alguén facia metades con Xerez… Outros o «chiringuito» á brigantina, mesturándolle café Moka… Sempre augardente de Betanzos, suxerente e soñadora, de xenerosas fantasías no deleitoso encontro da natureza co bo facer do home.

    Sen dúbida algunha, un bo agasallo, diría o Arcediano de Nendos.